Poesía, o lugar máis íntimo e profundo, a sublime caricia. Esa voz que o enche todo de vida. Poesía, navegarei en ti e fareite miña... Achégate! A porta está aberta. Entra...faremos xuntos o camiño.
jueves, 27 de febrero de 2014
Soñar
É fermoso espertar cada día cunha nova ilusión. sentir que queda tanto por facer, que hai tanta vida por diante, tantos proxectos polos que loitar, tantas cuestións que resolver e tanto mundo por respirar...
Un día díxenlle a alguén que quizás o mellor que eu fixera nesta vida fora soñar, e a día de hoxe sinto que en tal afirmación non andaba tan descamiñada. Son moitos quilómetros de soños os que levo comigo...e aínda os que me quedan...
Non teño dúbida de que seguirei soñando e tampouco dubido da miña capacidade para seguir convertendo eses soños en realidades.
Querer e poder!!! a vida agárdame...eu seino...ela tamén o sabe. Aplicareime ao máximo!
Asun Estévez
sábado, 22 de febrero de 2014
O recordo
Eras ti, que entre palpebrexos
golpeabas a xanela da tarde.
O que sempre me vencía
co esa urxencia por regresarme.
Eras ti, que voltabas unha vez máis
facendo o mesmo percorrido...
dende ese lugar do que nunca te fuches
a ese espazo que só é teu...
o recordo.
O teu recordo.
Asun Estévez
Escribo
Escribo
para entender un pouco este mundo
e de paso tamén a min.
Escribo
para desafogarme desta loucura
que é vivir sen vivir.
Escribo
e ata o máis imposible faise meu.
Escribo
bicando cada palabra
que me achega a ti.
Asun Estévez
miércoles, 19 de febrero de 2014
Escríboche
Escríboche
para tocarte sen terte,
para sentirte en min, moi dentro
sen estar presente.
Escríboche,
para non esquecerte,
para que un día e outro...e outro...
sigas sendo
e fiques eterno.
Escríboche
porque é o meu xeito de amarte
e non perderme.
Asun Estévez
martes, 18 de febrero de 2014
Soños esnaquizados
Naquel lugar...máis aló dos gritos do mundo.
Onde ningúen fala e ninguén escoita.
Fuxiron a esconderse, tras os cristais,
as ruinas dos soños que se esnaquizaron.
Ollos pechados, bágoas que queiman.
Linguas mudas que non teñen dono.
Ceo encapotado escarneces o día.
Formigas negras no embigo.
É a chuvia que cae, que trae e que leva
as ruinas dos soños que se esnaquizaron.
Refuxio da alma o mar no cabelo.
Bicos da area nos pés cansos.
No horizonte un recuncho con herba fresca.
Arrepío de lume remexido coas ondas.
Arrecendes a vida...
suxeita a ela esquecer quero
as ruinas dos soños que se esnaquizaron.
Asun Estévez (Pel de muller)
sábado, 15 de febrero de 2014
Amarte
Amarte porque si
porque quero
porque me peta.
Amarte con fame
e con sede,
con rabia e con desexo.
Amarte meu amor
con mans, verbas,
dentes e lingua.
Amarte meu ben,
amarte ata fartarme.
Asun Estévez
viernes, 14 de febrero de 2014
Tódolos camiños
Tódolos camiños me levan a ti,
tódolos camiños te traen.
Ábrese a noite inmensa...
avanzas...entras...
e florece a caricia da memoria
que nunca esquece.
Ti, sagrado veleno
que me desangras.
Antigo sol
que sempre retornas
disposto a morrer en min.
Tódolos camiños te traen,
tódolos camiños te achegan.
Asun Estévez
lunes, 10 de febrero de 2014
Non quero esmorecer
Non quero esmorecer
co ollar baleiro
e as mans núas.
Quero sementar sorrisos
nas bocas envilecidas.
Espallar as voces.
Que falen os silencios
afogados nas gorxas.
Que os fantasmas que cabalgan
se confundas coas rochas.
Que se esmigallen no camiño
os cans esfameados
que baixan do monte.
Que renazan as pedras.
Que medren as primaveras.
Nesta noite
esnaquizarei os xemidos.
Neste tempo
son supervivente da esperanza.
Neste mundo
proclámome guerreira.
Non quero esmorecer
co ollar baleiro
e as mans núas.
Asun Estévez (Noites, amenceres...e algo máis)
domingo, 9 de febrero de 2014
Chegas
Poema recitado do libro Noites, amenceres...e algo máis.
Autora do poema e voz: Asun Estévez
http://youtu.be/2ngsjqldQqo
viernes, 7 de febrero de 2014
Buscando...
Corro pola rúa buscando a nena.
A nena que fun.
A liberdade nuns ollos
que nunca se afartaban.
Mil soños agochados
baixo o cabelo.
Era lixeira, e voaba.
Voaba no meu ceo.
Pesábanme tanto as longas trenzas
e os cordóns das botas.
Mais eu era lixeira.
Eran días de chuvia...e lama.
Embarrada ata as bragas.
E búscote nena.
Mais ás veces creo mirarte
en cada recuncho:
nas árbores, coas gaivotas,
nas pedriñas e nas charqueiras.
Que foi daquela nena?
daquela chuvia?
Daquela lama?
Daquelas tardes escuras,
que sen verbas falaban...?
Onde se agochan?
Onde?
Seguireite buscando
no son das campás,
por enriba dos tellados.
Enchéndome toda
dos perfumes da terra.
Onde se mestura o mar co momte,
alí estarei eu.
Buscando a nena.
A nena que un día fun.
Ó teu carón azul e verde.
Asun Estévez (Pel de muller)
jueves, 6 de febrero de 2014
A esencia é a mesma
Non somos tan distintos.
Nacemos.
Morremos.
Parimos.
Sentimos.
Non somos tan distintos.
A esencia é a mesma.
Choramos se temos dor.
Berramos se temos medo.
Trememos se temos frío.
Somos area da praia
dominados polo gran tabeirón.
En bicicleta, en avión,
ou en patera...
non somos tan distintos.
Non.
A esencia é a mesma.
Compartimos a mesma terra.
A mesma lúa, o mesmo sol.
O sangue é vermello.
Non existe o sangue azul.
Somos areas da praia
sometidos polo gran tabeirón.
A pel é só pel,
non nos fai diferentes.
Branca, negra, amarela.
Un simple envoltorio.
Somos superviventes
nun mundo de cobizosos.
Arreglámolo todo
culpando ós demais.
Temos de todo
e non temos nada.
A esencia da vida
está na alma.
Somos area da praia
dominados polo gran tabeirón.
Alenta.
Vive...e deixa vivir.
Non somos tan distintos.
Non.
Asun Estévez (Pel de muller)
martes, 4 de febrero de 2014
Existo
Como un destino lento
regreso a min.
Son eu, a de sempre.
Recoñézome.
Cristalizada no tempo, son.
Vou existindo.
Asun Estévez
lunes, 3 de febrero de 2014
Todo é posible
Todo é posible
nesta guarida de universos.
Todo é posible
se navego descalza.
Sempre haberá horizontes para os que aman a liberdade
Asun Estévez (Texto e fotografía)
sábado, 1 de febrero de 2014
No profundo
E báilote entre os dedos.
Respírote no profundo,
apúrote.
Como sempre...sei que virás.
A fértil luz
agarda o final.
O estalido da flor.
A redención.
Asun Estévez
Suscribirse a:
Entradas (Atom)