miércoles, 5 de marzo de 2014

Crítica literaria de Medrar nas mans

Medrar nas mans, de Asun Estévez
Enviado o 28 Febreiro 2014


Asun Estévez

Medrar nas mans
Ir Indo, Vigo, 2013, 114 páxinas, 13 €


Afirma Asun Estévez que escribir é «unha forma de estar na vida e de sentir». Esa forma de estar convértese, cíclica e continuamente desde hai uns anos, en paixón e querenza polaescrita poética de xeito que esta autora do Morrazo volve ofrecer una mostra do seu traballo nun novo título poético -Medrar nas mans-, prologado con lucidez e acerto por Xosé Neira Vilas.
    O volume transita, ao meu ver, polos vieiros que entenden a poesía como unha necesidade, case diría que terapéutica, de expresión a través da cal, e á marxe de tendencias,  se atesoura unha dicción que nos interna no mundo particular dunha voz lírica que abala, desde as instancias do ontolóxico, polos eidos do erotismo, onde a presenza da natureza -sobre todo o mar, ese «verso fértil que me habita»- se erixe como clave, ata a dimensión máis social tamén aquí presente.
 As composicións de Estévez constitúen, ás veces, unha verdadeira reflexión sobre a vida onde non hai reparo en confesar, aberta e descarnadamente, en ocasións acudindo ao memorialístico, vivencias íntimas onde bolen dúbidas constantes sempre ao asexo, preguntas en ocasións sen respostas onde o importante talvez sexa a formulación das cuestións ás que por veces se achega en forma de imaxes visionarias, onde o onírico e a noite parecen ser, en moitas ocasións, compañeiras da poeta, xunto coa adopción de certa tonalidade profética, asimilada con naturalidade e coa que se exhibe o devezo por superar derrotas, abrazando a fe depositada quer na reconstrucción do eu, quer na expresión de solidariedade na dor dos demais.
     «Centos de papoulas», dise nun poema afortunado deste libro, que poden «medrar nas mans». Non é, abofé, mal consello.

http://cadernodacritica.blogaliza.org/2014/02/28/medrar-nas-mans-de-asun-estevez/

No hay comentarios:

Publicar un comentario