miércoles, 2 de julio de 2014

O barquiño de papel


Ningún día é igual ca outro. Nin onte é coma hoxe, nin hoxe será como mañá...
O reloxo tocaba coma un louco.
–Cala, cala, por Dios.
Qué ganas de lanzalo ben lonxe. Tódalas mañás a mesma historia. Mais hoxe non foi así, por unha vez alegrouse daquela canción impertinente e repetitiva.  O sol entraba pola xanela disposto a empurrala do leito, ela sorriu agradecida. Ergueuse dun salto, activándose de inmediato. Sentíase nerviosa, inqueda de máis, despois dunha noite toda ás voltas. Dun tempo a esta parte xa non durmía con aquela tranquilidade que acostumaba, aquel desconectar do mundo cunha facilidade mesmo asombrosa ata para ela. É ben certo que o tempo non pasa en balde. A saber que tiña acontecido na súa cabeza durante o sono. Aínda que aquí, así baixiño, entre nós, ela ben o sabía.
Despois dun baño reparador, enfundouse uns jeans azuis e unha camiseta da mesma cor. Calzou os primeiros zapatos que atopou. Sentiuse segura de si mesma, coma sempre. Xa non era unha nena, tíñao asumido, e non perdería o tempo disimulando o evidente.
Preparou un café só, ben quentiño, enguliuno a présa. Colleu unha tosta e un bolso que levaba dentro a metade da súa vida e botou pola porta. Facíase tarde e sentíase impaciente. Achegábase o momento, hoxe era o día.
Imaxinou tantas veces aquel encontro, soñouno un día tras outro ó longo daqueles anos. Aquel ollarse de novo, escoitarse e ser apenas un.
Colleu o coche. El levaríana ao mesmo lugar de sempre, sen preguntas. A rutas que foron importantes na nosa vida nunca se esquecen.
En silencio ía facendo o mesmo percorrido, a mirada atenta e perdida. O pensamento traballando a mil por hora  nun ir e vir de recordos que nunca deixaron de ser presente.
Aparcou a beira da praia. Case non había ninguén, tan só un coche aparcado a cincuenta metros e unha parella que camiñaba con poucas ganas, e menos que dicirse. Fronte o mar, sempre confidente na súa vida, testemuña dos bos momentos e das catástrofes.
Mirou ó redor, aínda non estaba. Inevitablemente pensou:
 –E se non ven? Non, non é posible. Nunca dubidei del e non vou facelo agora.
Sentouse nun banco e pechou os ollos, deixou ca brisa lle acariciara o rostro. Lembrouse dun barquiño de papel que lle fixera un día, na espera entre prato e prato. Imaxinou aquel barco sucando os mares, coas velas abertas e tensadas como fortes brazos...
Sentiu como un coche se achegaba, os ollos pechados, o corazón e a vida toda subindo pola gorxa. Un minuto, dous, tres...imposible moverse cando a emoción desborda...
Unhas mans rodeárona. Ana sentiu a calor nunca esquecida daquel abrazo, daquel peito aprendido a golpe de caricia.
-Estás aquí- díxolle ela.
-Cumpro sempre as promesas. Lémbraste? Díxenche que ti eras a muller da miña vida.

Estaba todo dito. Ficaron en silencio e o barquiño de papel fíxose co mar enteiro.

Ningún día é igual ca outro. Nin onte é coma hoxe, nin hoxe será como mañá...

Asun Estévez

No hay comentarios:

Publicar un comentario