sábado, 9 de noviembre de 2013

Prensa 1

en verso

"Escribir faime gozar"

Asun Estévez: "Cabréame o que está a pasar coa lingua galega. Hai que seguir reclamando a liberdade para o noso idioma"

A autora, Asun Estévez, coa portada do libro  - FOTO: AXENCIAS
A autora, Asun Estévez, coa portada do libro - FOTO: AXENCIAS

VANESA OLIVEIRA . SANTIAGO   | 15.01.2011 
A- A+


Asun Estévez (Bueu, 1966) comezou a súa andaina literaria "cara ao mundo" en 2008 co libro Pel de muller, no que vertía en verso o íntimo proceso de superación dun cancro de mama. Agora volve recuncar en Ir Indo co seu segundo poemario, Noites, amenceres... e algo máis que presenta mañá, día 16, no Auditorio Municipal de Cangas, ás 18.00 horas, e tamén haberá un recital poético a cargo da propia autora, acompañada á guitarra por Estela Martínez Martínez e Alejandro Lorenzo Díaz. Nesta obra amosa unha evolución cara a unha poesía máis social, máis preocupada polo que pasa ao seu arredor, aínda que tamén volve sobre a súa propia experiencia coa escrita. "Gústame o infinito, ter o horizonte amplo, deixar atrás os zapatos que me apertan. Porque sei que así, todo acabará sendo posible", asegura a poeta.
Encabezada por unhas verbas de Antía Cal, que se declara "engaiolada" coa poesía de Asun, e ilustrada polo debuxante pontevedrés Luis Davila, a obra representa, segundo a autora, "unha evolución" con respecto a Pel de muller. "Empeza cun poema que se titula "Deixando atrás" e que significa un cambio na miña maneira de sentir e tamén de expresarme. Sinto máis ganas de deixar o "eu" e dicir outras cousas", explica.
A presenza do mar, a sensualidade, a intensidade das sensacións ou o amor configúranse como as bases temáticas da poesía da bueuense. "Son sensacións sen as que non podo vivir. Cando escribo é como vivir moitas vidas nunha soa. Podo dicir cousas que non diría se non estivera diante do papel. Cando escribo sinto que son invencible, que o mundo non doe, é como unha fame ou unha sede da que non me podo saciar", asegura.
A intensidade do sentimento amoroso é reflexo, para a autora, da súa vivencia coa escrita. "Escribir faime gozar como ningunha outra cousa. Cando penso e verto as miñas palabras sobre o papel, desfruto pero aínda desfruto máis cando as recito. É coma unha especie de fusión entre o corpo e o pensamento", sinala a autora.

No hay comentarios:

Publicar un comentario