viernes, 15 de noviembre de 2013

Xustiza



Chámanlle xustiza
Coñécela?
Din que viste de preto
que leva no rostro
mofa e desprezo.
O ollar é de xeo,
o sangue,
un fluído pegañoso
e escuro.
Arrastra as pernas
e calza cadeas,
esmigalla ao seu paso
calquera forma de vida.
Chámanlle xustiza...
e durme en cama de ouro
por enriba do mundo,
mentres outros...outros
dormen nas rúas...
e choran na sombra.
Chámanlle xustiza...
e os seus tentáculos
emporcan todo canto tocan.
O noso azul,
os nosos camiños,
a nosa liberdade.
Chámanlle xustiza
e houbo un día
que confiei nela.
Parva de min
sempre crendo en utopías.
Chámanlle xustiza...
e seica traba coma unha loba.
Así che chaman...
por chamarlle... dalgunha maneira.
Ata cando este silencio?
Este silencio consentido,
meu, teu
e de todos.
Dime ti ata cando?...
Dimo ti se o sabes.
Porque non hai dor
que o tempo cure,
nin haberá lugar
para agochar tanta vergoña
e tanta, tanta pena.
 
Asun Estévez

No hay comentarios:

Publicar un comentario